Friday 29 de March de 2024

ENTROIDO 2017 – RIVEIRA


Do 24 de febreiro ao 1 de marzo!
VENRES, 24 de Febreiro.

nReda no Entroido:

Carpa da rúa de Galicia, de 17 a 20 h.

Actividades infantís, obradoiros, inchable, visita de mascotas animadas, música e animación, zona de peques (de 3 a 6 anos).

ANIMACIÓN DAS RÚAS E PRAZAS DA HOSTELERÍA
DE RIVEIRA COA CHARANGA:

“O SANTIAGUIÑO DE PADRON”, a partir das 10 da noite!

SÁBADO, 25 de Febreiro.

ANIMACIÓN DAS RÚAS E PRAZAS DA HOSTELERÍA
DE RIVEIRA COAS CHARANGAS:

“PONMEUNKINTO de Noia”, a partir das 9 da noite!

“O SANTIAGUIÑO de Padrón”, a partir das 11 da noite!

EXPRESO DO ENTROIDO:

Tren infantil que percorrerá as distintas rúas da cidade.
Saída e chegada da Praza do Concello, de 11 a 14 e de 17 a 20 h.

As entradas poderanse recoller gratuitamente no propio tren ata encher aforo!

Nota: Priorizarase un neno/a por adulto no caso de cheo.

nReda no Entroido:

Carpa da rúa de Galicia, de 11 a 14 e de 17 a 20 h.

Actividades infantís, obradoiros, inchable, música e animación, zona de peques (de 3 a 6 anos).

SESIÓN DJ PARA A MOCIDADE

Na Carpa do Entroido, de 20:30 a 23:30 horas.
Dirixida a mozas e mozos ata 18 anos.

Organiza a Concellería de Xuventude de Riveira.

DOMINGO, 26 de Febreiro.

CHOQUEIRADA INFANTIL

Aviso a todas as máscaras e caretas, choqueiros, príncipes e princesas, demos, elfos, merlíns, piratas, cavernícolas, ratos, gatos, lunnis, gormittis, pallasos, monsters high, patrulla canina, monstermachine e demais seres de fantasía que queiran pasar unha tarde de entroidada.

Ás 17:00 h. na Carpa da rúa de Galicia; unha reviravolta de bulicio, algarabía, barafunda e profano divertimento, dará comezo á GRANDE FESTA INFANTIL para os máis cativos, amenizada por animadores de xogos, mascotas, karaoke, desfile de disfraces con entrega de diplomas, obradoiros variados e moito máis…

Entrada libre e de balde!

Todos os nenos e nenas deberán ir disfrazados.

ANIMACIÓN DAS RÚAS E PRAZAS DA HOSTELERÍA
DE RIVEIRA COA CHARANGA:

“O SANTIAGUIÑO de Padrón”, a partir das 18:30 h!

BAILE DOS NOSOS MAIORES:

Na Casa do Mar de Corrubedo.
a partir das 7 da tarde!

Entrada gratuíta.

LUNS, 27 de Febreiro.

EXPRESO DO ENTROIDO:

Tren infantil que percorrerá as distintas rúas da cidade.
Saída e chegada da Praza do Concello, de 11 a 14 e de 17 a 20 h.

As entradas poderanse recoller gratuitamente no propio tren ata encher aforo!

nReda no Entroido:

Carpa da rúa de Galicia, de 17 a 20 h.

Actividades infantís, obradoiros, inchable, visita de mascotas animadas, música e animación, zona de peques (de 3 a 6 anos).

ANIMACIÓN DAS RÚAS E PRAZAS DA HOSTELERÍA
DE RIVEIRA COAS CHARANGAS:

“PONMEUNKINTO de Noia”, a partir das 8 da tarde!

“OS CELTAS da Baña”, a partir das 10 da noite!

“O SANTIAGUIÑO de Padrón”, a partir das 12 da noite!

MARTES, 28 de Febreiro.

FESTIVAL DE MURGAS E COMPARSAS

Ás 17:00 h. sairán do Auditorio Municipal as murgas e comparsas, acompañadas no desfile polas charangas “O SANTIAGUIÑO” de Padrón e “PONMEUNKINTO” de Noia, así como unha morea de personaxes que advertirán ao cidadán dos perigos de andaren a soas polas rúas. Participarán 8 murgas e 1 comparsa.

Desfile por rúas de Portugal, Romero Ortiz e Galicia ata a praza de España.

As “Murgas Adultas” competirán no festival por un Primeiro Premio de 1.000 €, un Segundo Premio de 600 €, un Terceiro Premio de 400 € e un Premio Local de 350 €, para o que haberá un Xurado Entroido-Profesional composto por seis membros, especialistas en Artes Escénicas e Caracterización, Letra e Música, Vestiario, Maquillaxe e Peluquería, un escollido ao azar de entre o público e a Presidencia que recaerá na Concelleira de Cultura, ademais do Secretario, con voz e sen voto.

Festival e actuación: Praza de España.

Nota: En caso de choiva será na carpa da rúa de Galicia.

Bases en www.riveira.gal

ANIMACIÓN DAS RÚAS E PRAZAS DA HOSTELERÍA
DE RIVEIRA COAS CHARANGAS:

“O SANTIAGUIÑO de Padrón” e
“PONMEUNKINTO de Noia”,
a partir das 6 e media da tarde!

MÉRCORES, 1 de marzo.
ENTERRO DO FELIPE
O finado
FELIPE DE RIVEIRA
Falecido e Confortado con Filloas e Augardente
R.I.P.
A súa dona, fillos, irmáns, curmáns e demais familia .
Pregan unha oración polo seu eterno descanso e agradecen a asistencia ao funeral do corpo presente que se vai oficiar no día 1 de marzo, ás 19.30 horas e ao posterior acto de incineración dos seus restos mortais na Praza de Pontevedra.

Oficiará o Sr. Bispo de Moldes, a Súa Eminencia Re-verendísimo Doutor Da Folla Seca quen virá na compaña do Sr. Marqués de Cacharrachada e o Sr. Gobernador do Entroido Excmo. Sr. D. Pedro Pateiro, ao ritmo da comparsa “O SANTIAGUIÑO” de Padrón,
polo que a familia suplica encarecidamente o máis rigoroso loito nos actos de sepelio e as moi ferventes manifestacións de dor e pranto por tan irreparable perda e por mor de abrandar os corazóns de tan importantes persoeiros e por aquilo de que “quen non chora non mama”.
Unha vez enterrado afogaremos todos xuntos os pesares na
Rúa de Portugal (Auditorio), -e se chove a mares e escacha na rúa será na Carpa da rúa de Galicia -, con preñados, orellas e rosquiñas, todo isto regado co mellor viño do País
e demais bebidas para os padais máis exquisitos.

Favores polos que anticipan grazas.

Saída do acompañamento ás 19.30 h, dende o Palco de Pedra do Malecón
(R/ Romero Ortiz) pasando por Malecón, Concordia, Galicia, Canarias, Miguel Rodríguez Bautista, Mariño de Rivera, Praza do Concello, Rosalía de Castro, Galicia, Manzanares ata chegar á Praza de Pontevedra.

Máis información en www.riveira.gal e Entérate!

ACTIVIDADES DA HOSTALERÍA DE RIVEIRA

Organiza a Concellería de Cultura de Riveira e a Asociación de Empresarios de Riveira.

Sábado 25 de Febreiro.

CONCURSO DE DISFRACES:

O sábado 25 de febreiro levarase a cabo desde as 22.00 h ata as 3.00 h o concurso de disfraces polos distintos locais participantes da hostalería de Riveira. Haberá gratificacións económicas nas modalidades de individual, parella e grupo. Premios ao mellor disfrace individual (100 € ao primeiro e 50 € ao segundo), mellor parella (200 € ao primeiro e 100 € ao segundo ), mellor grupo composto por un mínimo de tres persoas (350 € ao primeiro e 200 € ao segundo). Todos as persoas que desexen participar deberán coller a tarxeta ou cartón en calquera dos locais integrantes no concurso e ir selándoa nos mesmos. Todos os participantes serán fotografados por un responsable ou traballador do local e esta instantánea deben de enviala ao enderezo electrónico correo@empresariosriveira.com cos seguintes datos (nome, apelidos, DNI e un teléfono de contacto) dunha das persoas (representante) que apareza na mesma. O prazo de envío das fotografías para a deliberación do xurado é dende o sábado 25 de febreiro a partir das 22.00 h ata o mércores día 1 de marzo ás 22.00 h.

Bases dos concursos en www.empresariosriveira.com e www.riveira.gal

Sábado 4 de marzo.

RUTA DE TAPAS DO PEQUENO ENTROIDO:

O sábado 4 de marzo de 2017, de 12:00 a 16:00 h, polos locais participantes poderánse degustar as tapas típicas do Entroido por 1,50 € e a cambio recibirán unha careta exclusiva de agasallo.

Organiza a Concellería de Cultura en colaboración coa Asociación de Empresarios de Riveira.